martes, 17 de junio de 2014

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2014
IESP FONTEM ALBEI


         Co gallo da celebración do DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2014, na honra do poeta chairego XOSÉ MARÍA DÍAZ CASTRO dos Vilares de Parga (GUITIRIZ), o alumnado e profesorado do noso centro celebrará os seguintes actos, o día 16 de maio de 2014, a partir das 12:30 h. no Salón de Actos:

   1.- Proxección do documental Xosé María Díaz Castro: Nimbos da poesía.
   2.- Lectura de poemas do autor homenaxeado da súa obra Nimbos.
   3.- Entrega premios concurso de banda deseñada IESP FONTEM ALBEI.
   4.- Exposición das bandas deseñadas. 
   5.- Entrega premios concurso de relato curto IESP FONTEM ALBEI.
   6.- Lectura dos relatos gañadores.
   7.- Interpretación do HIMNO GALEGO.


                                                     

 O PORQUÉ DO DÍA DAS LETRAS GALEGAS

Historia do Día das Letras Galegas


O Día das Letras é unha data consagrada á exaltación e promoción da nosa literatura e da nosa lingua arredor da cal se celebran no noso país, e no estranxeiro, numerosas producións e eventos culturais de homenaxe á figura escollida. O 20 de marzo de 1963, coincidindo co centenario da publicación de Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro, os académicos de número Francisco Fernández del Riego, Manuel Gómez Román e Xesús Ferro Couselo propuxeron a celebración do Día das Letras Galegas no seguinte escrito presentado á Academia:
Con motivo de se celebrar no presente ano o Centenario da pubricación de "Cantares gallegos" de Rosalía de Castro, os membros numerarios que subscriben someten á consideración da Xunta xeneral da "Real Academia Gallega", a seguinte proposta:
1º.- Todos sabemos que o libro rosalián editado en 1863, ten sido a primeira obra maestra con que contóu a Literatura Galega Contemporánea. A súa aparición veu a lle dar prestixio universal á nosa fala como instrumento de creación literaria. Representa, pois, un fito decisivo na historia da renacencia cultural de Galicia.
2º.- A celebración do centenario diste acontecimento, convida a reconsiderar o siñificado do mensaxe transmitido nos "Cantares". Un mensaxe que, tanto como esprito e pobo, tanto como universalismo e galeguidade, foi, estéticamente, un mensaxe de palabra e poesía.
3º.- Velahí por qué, ademáis dos aitos conmemorativos que se orgaícen pra reaitualizar na conciencia das xentes o acento de tal mensaxe, a Academia -como órgano oficial da nosa cultura- debería consagrar, con caracter de perdurabilidade, o simbolismo da data nunha celebración anual.
4º.- O millor xeito de o conseguir sería que acordase decrarar Día das Letras Galegas, o 17 de maio de cada ano, a partir do presente. Contaríase así, pra o porvir, cunha xornada oficialmente adicada a honrar ós nosos libros. O día 17 de maio de cada ano viría ser a data destinada a recoller o latexo material da actividade inteleitual galega.
5º.- Ninguén desconoce que o libro ten unha forza simbólica estraordinaria. Sendo a amosa máis reveladora do nivel cultural dos pobos, non é de estranar o afán de esparexelo e de lle abrir camiños pra ensanchar o ámpido dos seus leitores. No caso de Galicia, ningunha data máis axeitada pra enaltecer e difundir o libro eiquí producido, que a que conmemora a pubricación da obra coa que se encetóu o prestixio contemporáneo das Letras galegas.
6º.- De atopar eco no acordo dos numerarios da Corporación o contido dista proposta, compriría dalo a conocer en Nota oficial, recabando a colaboración dos centros culturás de Galicia e a de todos os Centros Galegos do mundo, pra percurar o ésito consagratorio da celebración.


O 28 de abril do mesmo ano, en Xunta ordinaria, a Academia resolveu, por unanimidade, aprobar esta proposta e declarar Día das Letras Galegas o 17 de maio de cada ano, tal como se recolle na acta da sesión:
[...] O secretario deu a coñecer unha interesantísima proposición que subscriben os numerarios señores Fernández del Riego, Gómez Román e Ferro Couselo, en relación coa publicación de "Cantares Gallegos" de Rosalía de Castro, que se cumpre o 17 de maio vindeiro. Na súa vista, a asemblea acordou declarar "Día das Letras Galegas" o 17 de maio de cada ano, a partir do presente que esta Corporación celebrará coa máxima solemnidade, recabando, como se solicita, a colaboración das institucións culturais do país e a de todos os Centros Galegos do mundo para o maior realce de tan sinalada efemérede. [...]
Tratándose, xa que logo, do centenario da súa obra, foi Rosalía de Castro a primeira homenaxeada á que continuarían, desde esa data e sen interrupción, outras moitas figuras senlleiras da nosa cultura, elixidas en Xunta Ordinaria pola Academia, como se recolle nos seus Estatutos:
(Capítulo 1, Artigo 2):
Son finalidades da Real Academia Galega
Decidi-la personalidade literaria á que cada ano se lle dedica o Día das letras Galegas.
(Capítulo 2, Artigo 7)
Na primeira reunión despois do Día das Letras Galegas, o Plenario da RAG escollerá o persoeiro a quen se lle dedicará esa conmemoración no ano vindeiro. A figura elixida deberá ser autora dunha obra relevante en galego e persoa de calidade cultural e humana que mereza propoñerse como exemplo á sociedade galega de hoxe. En calquera caso deben pasar dez anos entre a súa morte e a designación para ese día. As propostas, razoadas e asinadas por un mínimo de tres académicos, deberán incluírse na convocatoria do Plenario correspondente.
Desde 1991, dezaoito anos despois da súa institución, o Día das Letras Galegas é festividade oficial en Galicia. Constitúe, ademais, a meirande conmemoración da nosa cultura e, arredor dela, desenvólvense numerosos actos organizados non só desde a Academia, senón tamén desde a Xunta de Galicia, os concellos, os centros de ensino e outras entidades ou agrupacións civís que participan, en conxunto, no labor de coñecer, honrar e difundir a memoria e a obra da persoa homenaxeada.

No hay comentarios:

Publicar un comentario